Skip to main content

Máis de medio centenar de persoas asistiron ao evento, que contou con expertos de prestixio no ámbito académico e deportivo e que supuxo a primeira colaboración entre Clusaga e o Clúster do deporte

Representantes da Dirección Xeral de Saúde Pública e da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia participaron nas conclusións da xornada

O Cluster Galego da Industria do Deporte e o Benestar e o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) organizaron este venres 28 de outubro en Pontevedra un workshop no que se afundou nas tendencias actuais no eido da nutrición deportiva. O evento contou coa participación de expertos na materia que congregaron a máis de 50 persoas.

A xornada, que tivo lugar na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo (Pontevedra), comezou coa intervención de Javier Amezaga, investigador de AZTI, que detallou os propósitos e as conclusións que están a extraer do proxecto científico que están a levar a cabo xunto ao Athletic Club de Bilbao, o “Smart Lab Nutrition”. Trátase dunha iniciativa de nutrición personalizada pioneira na industria deportiva internacional, que configura un espazo referente na área da nutrición intelixente asociada á práctica profesional do deporte.

Tras o relatorio de Javier Amezaga chegou o turno para a mesa redonda “Innovación en alimentación e bebidas para o deporte”, moderada pola coordinadora da Área de Mercados de Clusaga, Belén Vázquez e que contou coa participación de Gerardo de la Huz, CEO de Augas de Rodas; Mariluz Obermeier, Account Manager de Grupo Leche Río; e José André, director de desenvolvemento de negocio de Tabalú.

Neste punto da xornada abordáronse as estratexias que están a levar a cabo as tres empresas, que tamén afondaron nos servizos que ofrecen ao seu target comercial. Para finalizar, os participantes da mesa redonda reflexionaron sobre as inquedanzas entre os consumidores en relación á sustentabilidade.

A última mesa redonda tratou a fisioloxía do deporte, a nutrición e os requirimentos na práctica deportiva. Este relatorio, moderado por Sofía Toro, xerente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, permitiu coñecer a visión e a experiencia de Pablo Dapena, deportista triatleta internacional; Federico Mallo, catedrático de Fisioloxía-Endocrinoloxía na UVigo; e Santiago Perote, médico do Centro Galego de Tecnificación Deportiva.

O peche do evento contou coas intervencións institucionais de Silvia  Suárez Luque, en representación da Dirección Xeral de Saúde Pública e de Belia Méndez Rial, en representación da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia. Abordando as políticas públicas para a promoción do deporte e alimentación saudable, estableceron as conclusións da xornada, que foi calificada de éxito por ambos clústeres.

Para finalizar a xornada, as e os asistentes a este workshop tiveron a oportunidade de visitar as instalacións do Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra, onde puideron coñecer de primeira man como é a alimentación das e dos deportistas que están adestrando no centro.

Leave a Reply