Skip to main content

Sofía Toro, xerente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, acudiu ao I Foro de Clústeres do Deporte

As entidades presentes acordaron avanzar cara unha rede de organizacións empresariais da industria do deporte co fin de mellorar a competitividade do sector.

 

O Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar estivo presente os días 9 e 10 de decembro no I Foro de Clústeres do Deporte, evento ao que tamén acudiron Indescat, de Cataluña; Andorra Esports Cluster; Clúster Deporte y Ocio de Extremadura; Aneta (Asociación Nacional de Empresas de Turismo Activo); Aeesdap (Asociación Española de Empresarios de Servicios Deportivos a las Administraciones Públicas), e Afydad (Asociación Española de Fabricantes y Distribuidores de artículos deportivos).

Durante as dúas xornadas a xerente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, Sofía Toro, acudiu a diferentes reunións que tiñan por obxectivo trazar unha liña de traballo conxunto co fin de mellorar a competitividade do sector do deporte. Os obxectivos cos que se celebrou o encontro foi impulsar a profesionalización da industria do deporte en España e Andorra e artellar unha rede sólida de organizacións empresariais da industria do deporte.

O Foro, que contou co apoio da xunta de Extremadura, tivo lugar en El Anillo, o Centro Internacional de Innovación Deportiva no Medio Natural, situado en Cáceres.

Tras as dúas xornadas de traballo Sofía Toro, xerente do Clúster, sinalou que “foron reunións de moito proveito da que sairán proxectos moi beneficiosos para o conxunto da industria do deporte.” Amais, a coruñesa recoñeceu que “para nós, que somos unha entidade de recente creación é moi valioso poder compartir coñecementos e experiencias con Clúster como o de Cataluña ou o de Andorra que levan moitos anos traballando a reo para o seu sector, acadando resultados e dándolle ao deporte o recoñecemento que falta en Galicia, onde somos unha referencia pero onde probablemente non temos o status que merecemos”.

Tras a xornada do venres, a presidenta do Clúster de Extremadura, Rosario Pérez Alonso, explicou que “queremos que evolucione o papel das organizacións empresariais vencelladas á cadea de valor da Industria do Deporte. Este foro pretende ser o inicio dun novo marco de colaboración entre as entidades de España e Andorra, iniciamos un camiño que ten por obxecto cooperar para competir nun entorno que necesita cada vez respostar novas preguntas e que precisa contar con máis profesionais”.

O Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, que representa a unha industria que supón o 2,5% do PIB de Galicia e que da emprego a máis de 12.000 persoas, xa conta con preto de 60 empresas asociadas.

Leave a Reply