Skip to main content

Durante o encontro, Sofía Toro e José Ramón Lete Lasa acordaron levar a cabo accións conxuntas para beneficiar ao conxunto da industria do deporte

 

O curso arrancou para a industria do deporte cun encontro entre José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o deporte, e Sofía Toro, recentemente nomeada xerente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar. Tamén acudiu á reunión o presidente da entidade, Miguel Valín.

Dito encontro serviu para que José Ramón Lete Lasa puidera dar a benvida a Sofía Toro, que comeza a súa andaina no Clúster coma unha importante peza no proceso de profesionalización da entidade. A nova xerente repasou os obxectivos que ten fixada a organización para os próximos meses e Lete Lasa coincidiu en que “estamos no momento axeitado para reivindicar a industria do deporte e para sacar peito da nosa fortaleza, pois o deporte galego ten un importante peso na economía galega e estamos ante o momento de visibilizalo”.

Sofía Toro e Miguel Valín trasladaron ao secretario xeral a situación actual do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar e a visión e inquedanzas do global da industria galega do deporte. “Iniciamos un período de moita actividade no que queremos dar un forte impulso á industria do deporte, queremos trasladar ao conxunto da sociedade a enorme relevancia social e económica que temos desde fai anos e amosar as potencialidades do sector no futuro de Galicia”, salientou Sofía Toro.

O encontro rematou co compromiso por parte de ambas institucións de colaborar en proxectos e eventos futuros que sirvan para darlle ao deporte galego o impulso que está a demandar nos últimos tempos. Actualmente estamos a falar dun sector que supón o 2,5% do PIB de Galicia, cun volume anual de negocio que ronda os 1.600 millóns, e que e que xera arredor de 12.000 postos de traballo.

Leave a Reply