Skip to main content

A industria galega do deporte considera o bono deportivo para nenos e nenas de 6 a 16 anos unha gran medida como primeiro paso na promoción da actividade deportiva e dos hábitos de vida saudables

Sofía Toro, xerente do Clúster, solicita “unha maior ambición e abrir o bono deporte a toda a mocidade, fomentando o deporte entre a poboación inactiva”

 

O Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar considera unha moi boa nova o anuncio do Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, poñendo en marcha un bono deportivo de 120 euros para axudar a familias con rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos.

Desde a súa creación, a principios do 2021, o Clúster Galego do Deporte vén defendendo a necesidade de poñer en marcha medidas que sirvan para incentivar a práctica da actividade física entre todos os segmentos da poboación, facendo especial fincapé naqueles sectores poboacionais nos que haxa un maior porcentaxe de persoas inactivas. “Estamos contentos polo anuncio do Presidente e esperamos que sexa a primeira pedra do camiño, é preciso seguir levando a cabo políticas que leven a práctica deportiva a todas aquelas persoas que hoxe en día son poboación inactiva con maior vulnerabilidade ante o problemas de saúde” sinala Sofía Toro, xerente da entidade.

Sobre a medida que vai poñer en marcha a Xunta de Galicia, Sofía Toro tamén resaltou que “botamos en falta máis ambición, estendendo a iniciativa a toda a poboación galega entre 6 e 16 anos, pois é esencial chegar tamén a aqueles nenos e nenas que hoxe en día non cumpren coas recomendacións da OMS de realizar 60 minutos diarios de actividade física e que supoñen o 60% da poboación infantil, cada neno e nena que saquemos do sedentarismo é un éxito para a sociedade galega”.

Cabe subliñar que España, segundo a OMS, sitúase como o terceiro país europeo con máis casos de sobrepeso infantil e que arredor do 40% da poboación infantil española ten sobrepeso ou obesidade (Estudo ALADINO, Ministerio de Consumo).

UNHA GRAN MEDIDA PARA A INDUSTRIA

Sobre esta axuda, que permitirá a compra ou renovación de material e equipamento deportivo, acudir a clases ou anotarse nun centro deportivo, Sofía Toro, xerente do Clúster, sinala que “está a ser moi ben recibida pola industria galega do deporte, entendemos que terá un impacto notable, beneficiando ás empresas do sector e facilitando o acceso ao deporte, o cal é un eixo prioritario para o Clúster”.

O Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar entende que a posta en marcha de medidas políticas que sirvan para incentivar a actividade física e a vida saudable debe ser un eixo prioritario de actuación. Nesta liña manifesta a satisfacción por parte da industria e espera que sexa o primeiro paso para situar á actividade física e os hábitos de vida saudables no centro das políticas de configuración da sociedade galega do futuro.