Skip to main content

PREGUNTA. Desde a xénese do Clúster Galego da Industria do Deporte, contamos entre os nosos asociados con The Well-Being Lab, unha empresa en continuo crecemento. Centrándonos na vosa actividade, cómo xurdiu a vosa empresa? Cómo foron os pasos ata chegar ata o que sodes hoxe, con catro centros en Vigo, Oleiros e A Coruña?

RESPOSTA. Despois de case máis de 20 anos adicados á xestión e construcción de instalacións deportivas tomamos á decisión de dar un xiro á nosa carreira e centrarnos en proxectos pequenos de alto impacto.

A partires do ano 2017 comezamos a debuxar un modelo de negocio baseado na premisa de levar os beneficios do deporte e do exercicio físico ao ámbito laboral. Creamos entón The Well-Being Lab, una empresa adicada ao desenvolvemento de programas de benestar corporativo baseados no exercicio físico, na prevención e en hábitos de vida de estilo saudable. Xa no 2020 estabamos presentes en 7 empresas multinacionais.

A Covid-19 supuxo un freo total a esta actividade e foi cando reorientamos a nosa actividade. En agosto dese mesmo ano estabamos abrindo o primeiro centro The Lab na Coruña para dar saída aos adestradores que estaban prestando servizos en empresas. A este fito únese o inicio do servizo de adestradores persoais para operadores de Ximnasios, concretamente cun acordo macro coas cadeas Synergym e Vivagym para Galicia e a xestión de espacios fitness en hoteis como é o caso do Hotel As Galeras en Oleiros.

Actualmente, acabamos de abrir en setembro o segundo centro de The Lab en A Coruña.

Cal é voso punto diferencial? Qué caracteriza ao servizo que prestades?

Actualmente contamos con dúas liñas de negocio: a do cliente final nos ximnasios e a do benestar corporativo, que volvimos recuperar. En ambas dúas utilizamos o mesmo método, baseado nun diágnostico inicial moi potente e diferencial, este diagnóstico indícanos que aspectos deberemos mellorar da saúde para poder alcanzar  o estilo de benestar que precise o noso cliente e, así mesmo, permítenos facer un seguimento e adaptar os programas desenvolvidos para que sexan realmente eficaces.

O noso traballo é individualizar ó máximo ás necesidades de cada persona para conseguir o seu propio estilo de benestar.

Exactamente, en qué consiste o Efecto Well-Being?

O efecto Well-Being é unha combinación entre a identificación das necesidades dos nosos clientes para poder segmentar a nosa oferta, unha comunicación honesta e o establecemento de KPI`s obxectivos (indicadores biométricos, test..) e subxectivos que favorecerán á mellora continua dos nosos procesos.

Parece que a tendencia, en canto á actividade física, está en grupos reducidos e adestramentos personalizados, isto é unha tendencia que estades a notar vós?

Xa dende hai algún tempo (participamos nun proxecto de centro de adestramento persoal no ano 2013) estase a ver esta tendencia, porque un sector da poboación prefire realizar unha actividade orientada e cun seguemento individualizado porque ven que desta maneira consiguen un nivel de adherencia maior, logran as súas metas antes e están motivados aínda que teñan que pagar algo máis de cota.

Moitas persoas non teñen os coñecementos nin a forza de vontade suficientes para realizar exercicio físico pola súa conta e síntense moi respaldados en centros cunha atención máis personalizada.

Dende a pandemia, nótase tamén un maior interese por este tipo de servizos para evitar o contacto con grupos máis numerosos en outro tipo de centros fitness.

Cales son as vosas perspectivas de futuro? A empresa vai seguir medrando?

A nosa perspectiva é medrar nas dúas liñas de negocio actuais. O que non quita que incorporemos novas liñas a medio prazo.

No ámbito corporativo está claro que a maiores de Galicia, Madrid e Barcelona xunto co País Vasco, Andalucía e Levante é donde se atopan as principais empresas preocupadas polo benestar dos seus traballadores e traballadoras e polo tanto teremos que estar preparados para poder darlle servizo.

No ámbito de centros boutique, o noso plan estratéxico inclúe a apertura dun centro novo cada ano ata o 2025 e dous centros anuais a partir de esa data tanto en Galicia coma no resto da zona norte (Asturias, Castilla-León, e norte de Portugal) así como en Madrid.

Un dos principais retos do Clúster, e creemos que común a todo o sector, é aumentar a poboación activa. Internamente xa falamos do reto de chegar a contar en Galicia con 2 millóns de persoas activas. Considerades que é un fito que podemos acadar?

Pensamos que a preocupación pola saúde é crecente na poboación e que maiormente a percepción de que o exercicio físico é beneficioso para mellorar a nosa saúde, polo tanto cremos que moito camiño está avanzado; é dicir non estamos xa no proceso de convencer á poboación da necesidades de ser activos, senón no momento de facilitar o acceso da poboación á práctica da actividade física.

Qué necesita Galicia para impulsar a práctica deportiva?

En xeral, é necesario informar a poboación, formar a profesionais e facilitar o acceso ás actividades. Galicia é unha zona cunhas características moi especiais, porque as poboacións están moi dispersas e o clima as veces é limitante. Sería máis doado facilitar o transporte a poboación en lugar de xerar novas infraestructuras, apoiar as iniciativas públicas pero tamén ás privadas, e incentivar á poboación que participa con subvencións ou desgravacións especiais pola práctica de actividade e exercicio físico, independentemente de cómo ou onde o leve a cabo.

Por qué considerades necesaria a existencia do Clúster?

O Clúster é unha entidade que aúna a un colectivo que de forma dispersa ou individual non ten chegada nin as administracións nin á poboación. E como representante destas entidades pode acadar os obxetivos comúns e facer de altavoz para achegar as necesidades do colectivo que representa a todos os currunchos.

Leave a Reply