Skip to main content

O Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar presentou no Sportur Galicia o seu proxecto para sacar do sendentarismo a 700.000 persoas

 

Os sete grandes concellos galegos xa forman parte do movemento impulsado polo Clúster e traballarán para incentivar a práctica deportiva

 

O Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar presentou oficialmente o seu “Plan 2 Millóns”, un proxecto nacido co propósito de incentivar a práctica de actividade física. A industria galega do deporte fíxase o obxectivo de activar a 700.000 galegos e galegas antes de 2030, un reto que levaría a Galicia a contar con 2 millóns de persoas activas.

Sofía Toro, xerente do Clúster, afirmou que “se cumprimos este ambicioso reto Galicia estaría en cifras similares ás dos países nórdicos e seríamos a comunidade autónoma con maior porcentaxe de práctica deportiva”.

Ao abeiro de Sportur Galicia, o Clúster explicou a orixe da iniciativa e as importantes implicacións económicas e sociais que ten a posta en marcha deste movemento, que pretende involucrar a toda a sociedade. “Entendemos este proxecto como unha estratexia común para todos os galegos e galegas, o éxito será colectivo”, resaltou unha Sofía Toro que tamén sinalou que “queremos inculcar valores de vida saudables”.

O conxunto da industria do deporte ponse a disposición da cidadanía para impulsar este Plan 2 Millóns, que ten por obxectivo principal mellorar a saúde da poboación galega. Amais, a súa posta en marcha ten tamén un importante impacto na economía galega. Segundo as cifras expostas pola xerente, “activar a 700.000 persoas implicará un aforro de 700 millóns de euros en gasto sanitario, un aumento de 140 millóns anuais no volume de negocio da industria do deporte e unha xeración de máis de 2.000 postos de emprego”.

 

O reto proposto pola industria do deporte xa está lanzado e a partires de agora se artellarán diferentes accións para promocionar a actividade física, facilitar o acceso ao deporte e educar en valores saudables. Ao longo do ano 2024 empezarán a desenvolverse as primeiras accións dun movemento que se iniciou coa creación do Observatorio Galego do Deporte, creado polo Clúster co fin de levar a cabo investigacións que sirvan para ter datos reais e fiables que axuden a tomar as mellores decisións.

 

Ao abeiro do Observatorio Galego do Deporte, as persoas investigadoras do Clúster xa teñen publicado os seus primeiros informes, un sobre a práctica deportiva na poboación galega e outro sobre o estado de saúde da nosa sociedade.

 

OS GRANDES CONCELLOS, AO CARÓN DO PLAN 2 MILLÓNS

Sofía Toro anunciou durante a presentación que “todos os grandes concellos de Galicia, cos cales levamos a cabo reunións de traballo no último mes, teñen manifestado o seu compromiso de sumarse ao Plan”. De feito xa comprometeron a súa adhesión ao proxecto os concellos de Pontevedra, Lugo, Santiago, Ferrol, A Coruña, Ourense e Vigo.