O pasado mércores 27 de setembro o Clúster Galego da Industria do deporte e o Benestar estivo reunido con Diego Calvo, Vicepresidente da Xunta de Galicia, e Jose Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte. Á reunión, por parte da entidade que representar o sector do deporte acudiron: José Amado, presidente; Sofía Toro, xerente, e Fran Cortegoso e Claudio Orjales, directivos.
Na última semana recibimos pola vosa parte moitas preguntas sobre o Bono Deporte e este mesmo mércores xa puidemos reunirnos con Diego Calvo, co que xa estamos a traballar asesorando na implementación desta boa nova que traerá arredor de 16 millóns ao sector, unha inversión récord para o deporte. No encontro puidemos coñecer máis información de cómo vaise artellar esta iniciativa, que se porá en marcha en 2024. A administración autonómica está comezando a elaborar as bases e nas próximas semanas coñeceremos os avances da posta en marcha desta iniciativa, demandada desde o sector desde fai tempo.
Na xuntanza, o Clúster transmitiu a necesidade de chegar a máis mocidade e explicou a importancia de dirixirse tamén á poboación que actualmente é inactiva. Co anuncio da medida, que será posta en marcha en 2024, explicouse que os destinatarios serán as familias dos nenos e nenas de entre 6 e 16 anos con licencia federativa e/ou participantes no programa da Xunta de Galicia «Xogade», o que supón arredor de 130.000 nenos e nenas. Isto supón deixar fóra ao 50% da poboación galega nesas idades e, entre este porcentaxe, á mocidade inactiva. Polo tanto o Clúster entende que a medida debe ser máis ambiciosa para acadar o obxectivo de aumentar a poboación activa e para levar a cabo medidas que promocionen os hábitos de vida saudables.
Durante a reunión de traballo o Clúster puxo sobre a mesa os primeiros pasos que a entidade quere dar para poñer en funcionamento o Plan 2 Millóns, un proxecto que comparte toda a industria galega do deporte e que ten por obxectivo incorporar a 700.000 persoas galegas á actividade.