Skip to main content

Esta mesma semana o Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar reuniuse no Concello de Pontevedra con Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde da cidade, e Anabel Gulías, concelleira de deportes. Sofía Toro, xerente do Clúster, e Pedro Iglesias, vicepresidente, presentaron os obxectivos e a filosofía de traballo da entidade, que naceu co propósito de representar os intereses do conxunto da industria do deporte. Amais, tamén aproveitaron a reunión de traballo para presentarlle os proxectos do Clúster en canto a investigación e promoción da actividade física.

Tanto o Alcalde de Pontevedra como a Concelleira coincidiron en que o plan de traballo do Clúster coincide perfectamente co plan de goberno, xa que nos últimos anos a cidade do Lérez está a intentar configurar un modelo de cidade que facilite e, en certo modo obrigue, a practicar exercicio físico. Neste sentido, Lores sinalou que «temos calculado que o 90% dos desplazamentos nesta cidade fanse camiñando ou en bici».

Miguel Anxo Fernández Lores tamén explicou que «o Observatorio Galego do Deporte que ten posto en marcha o Clúster nos parece moi interesante, polo que estudaremos todas as vías de colaboración co Clúster».