A Xunta Directiva do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar reuniuse nas instalacións de Jim Sports, en Palas de Reis, para dar conta do traballo realizado durante as últimas semanas e trazar os retos de futuro. Durante o encontro os membros da Xunta Directiva debuxaron o trazado polo que debe percorrer a entidade nos próximos meses para poder acadar fitos relevantes e de impacto positivo para o conxunto da industria do deporte galego.
Un dos puntos principais da reunión foi concretar e avanzar en proxectos nos que o Clúster está a traballar nos últimos tempos, especialmente na posta en marcha do Plan 2MM e a redacción do libro branco sobre eficiencia enerxética en instalacións deportivas.
En canto ao Plan 2MM, que xa puxo sobre a mesa do debate público en varias ocasións, comezouse a elaborar a identidade visual do proxecto e a dar os primeiros pasos na organización da presentación, que está prevista para o mes de xuño.
Ao fio das recomendacións expostas polo Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar en canto á importancia do exercicio físico para o coidado da saúde, tamén no ámbito laboral, parte da reunión fixose cunha ruta de sendeirismo que percorreu 8 quilométros do Camiño de Santiago. Tanto Jose Amado, presidente do Clúster, como Sofía Toro, xerente, subliñaron os beneficios das reunións camiñando e fixeron unha valoración moi positiva da xornada levada a cabo en Jim Sports.