Skip to main content

Ao abeiro do Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos levouse a cabo unha reunión a catro bandas para fixar estratexias e definir accións que sirvan para promocionar a actividade física

O Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar convocou en Pontevedra unha reunión coas tres universidades públicas galegas co fin de fixar retos comúns e establecer accións conxuntas que sirvan para impulsar a práctica de actividade física entre a poboación estudantil. Amais, na xornada de traballo exploráronse camiños de colaboración conxunta para incentivar a xeración de sinerxías entre a universidade e as empresas da industria galega do deporte.

As tres universidades amosaron o seu firme apoio ao Plan 2 Millóns, un proxecto que nace co obxectivo de activar a 700.000 galegos e galegas antes de 2030, un reto que levaría a Galicia a contar con 2 millóns de persoas activas. activar a 700.000 persoas implicará un aforro de 700 millóns de euros en gasto sanitario, un aumento de 140 millóns anuais no volume de negocio da industria do deporte e unha xeración de máis de 2.000 postos de emprego.

Esta reunión foi convocada no Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, ao abeiro da XXVI edición Campionato Galego Universitario de Deportes Colectivos, un evento deportivo no que participaron preto de 650 estudantes.

Tanto a representación das universidades galegas como o Clúster coincidiron na idoneidade de levar a cabo accións conxuntas que beneficien ao conxunto da industria do deporte. As catro entidades son conscientes da importancia de que a industria e a universidade vaian da man para que Galicia sexa unha comunidade referente no eido deportivo.

O traballo coxunto servirá de dinamizador para impulsar a innovación e o desenvolvemento no ámbito deportivo e do coidado do benestar. Tamén, por suposto, para aproveitar o coñecemento académico e a experiencia práctica da industria co fin de impulsar a investigación, a formación e a transferencia de tecnoloxía.

Na reunión convocada polo Clúster, á que asistiu a súa xerente Sofía Toro, estiveron presentes por parte de Universidade de Vigo, Xabier Rial, director técnico da área de Benestar, saúde e deporte; Susana Reboreda, vicerrectora de extensión universitaria; Javier Rico, delegado para o deporte da Universidade de Santiago de Compostela; e Marta Bobo, directora da área de deportes, e Manolo Moya, coordinador da área, por parte da Universidade da Coruña.