O pasado martes 31 de outubro o Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, xunto ao Círculo de Empresarios de Galicia, organizou unha xornada de grande interese sobre tendencias e situación actual da industria do deporte. Un evento que tivo lugar en Vigo e que recibiu a preto dun centenar de persoas.
O presidente do Clúster, José Manuel Amado, xunto a María Borrás, vicepresidenta do Círculo de Empresarios de Galicia, foron os encargados de dar a benvida, explicando a importancia da industria do deporte, recalcando o seu peso como un dos motores da economía galega e subliñando o forte impacto social que ten o deporte en todos os galegos e galegas.
Na primeira das mesas redondas compartiron escenario Carlos Cao, de Galicia Sports 360; Carlos ‘Pity’ Domínguez, organizador de ‘O Marisquiño’; Daniel Scheigden, director de marketing de New Balance Iberia, e David Suárez, CEO de Diesemm. Os ponentes conversaron sobre a importancia dos grandes eventos, o turismo deportivo e o valor engadido que aporta a aposta polo deporte. Os tres coincidiron en que Galicia ten un potencial inmenso para ser un foco de atracción, tanto para a organziación de eventos deportivas de trascendencia como para recibir turistas que queiran facer deporte na nosa terra.
Tras esta interesante conversa foi o turno para a seguinte mesa redonda, que contou coa participación de Fran Cortegoso, de Máis que Auga; Saúl Álvarez, de BeOne, e Ernesto Rojas, de Distrito Estudio. Esta mesa redonda estivo centrada no fitness, un subsector da industria onde Galicia é un referente nacional desde os anos 90. Os tres amosaron o seu punto de vista sobre as últimas tendencias, os hábitos da súa clientela e a súa visión de futuro.
A xornada matina continuio con dúas conversas nas que se falou da importancia do deporte na economía do benestar, a necesidade de incluir a actividade física no ámbito sanitario e a construción dunha sociedade máis saudable. Nestes dous paneis participou Sofía Toro, xerente do Clúster, que estivo acompañada na primeira por Ramón Lago (Inercial Performance), Antonio Castro (Giro180 – Tiendas Dequip) e Jacobo López (10mets), e no segundo por Álvaro Muzas (Fix Salud y Deporte), Miguel A. Capón (Tabalú) e Lois Balado (La Voz de la Salud).
O evento foi de grande interese para o sector xa que puideron escoitarse reflexións moi valiosas para a evolución dunha industria que ten moito que dicir no futuro de Galicia.