O RC Deportivo vén de asinar a súa adhesión ao Clúster Galego da Industria do Deporte nun encontro que tivo lugar na sede do Club na praza de Pontevedra e no que participaron o presidente da entidade, José Amado, xunto á xerente Sofía Toro, e o seu homólogo deportivista, Antonio Couceiro.
Para o Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar contar co RC Deportivo como asociado é un paso moi importante na consolidación deste proxecto. Desde o seu nacemento, o Clúster ten como un dos obxectivos construír unha rede de empresas e entidades representativas do conxunto do sector, cubrindo todos os subsectores que conforman a industria galega do deporte.
«O RC Deportivo é un referente na nosa comunidade. A súa relevancia e exposición internacional vai axudar a que o Clúster, como representante da industria do deporte, adquira a notoriedade que buscamos. Para nós é moi importante que o noso sector reciba o trato que merece, pola súa importancia en canto a xeración de riqueza, creación de postos de traballo e impacto social», salientou Jose Manuel Amado, presidente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar.
O Clúster Galego da Industria do Deporte naceu en marzo de 2021 coa filosofía de aunar forzas entre as empresas e entidades que conforman o sector co ánimo de dinamizar a actividade empresarial e favorecer a creación dunha contorna ideal para a xeración de sinerxías e a elaboración de proxectos ambiciosos e innovadoras que fagan do deporte galego un verdadeiro motor da economía galega. Amais, o Clúster tamén pretende impactar na sociedade, concienciando da importancia da actividade física como elemento vertebrador da construción dunha sociedade saudable.