O Clúster do Deporte, Aexidega e a FEGAMP comprométense a estudar a situación actual co obxectivo de procurar unha saída para frear o impacto da subida dos custes enerxéticos
As instalacións deportivas galegas estiman que para este 2022 o consumo eléctrico e de gas poida chegar a triplicar os gastos do ano 2019
O Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar e a Asociación de Empresas Xestoras de Instalacións Deportivas de Galicia (Aexidega) reuníronse esta mañá con Alberto Varela, presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), co propósito de poñer de manifesto a situación que están a atravesar as instalacións deportivas galegas por mor do incremento dos gastos enerxéticos, especialmente as que contan con piscinas climatizadas.
No encontro, Alberto Varela manifestou que entende perfectamente o impacto que está a ter o incremento dos gastos enerxéticos e coincidiu co Clúster e Aexidega na necesidade de traballar conxuntamente para avaliar con detalle a situación do sector e as medidas que están a tomar noutras áreas xeográficas. Só de maneira conxunta se poderá chegar a un documento de recomendacións para as entidades locais que definan posibles medidas a tomar polas ditas administracións nos próximos meses.
Durante a reunión, tanto Jose Amado, presidente do Clúster, como Pedro Iglesias e Fran Cortegoso, presidente e vicepresidente de Aexidega, advertiron da delicada situación que están a atravesar as instalacións deportivas da comunidade, que aínda non estaban recuperadas do impacto da pandemia, situación que fai insostible manter os servizos que están a prestar á cidadanía. A industria do deporte trasladou á FEGAMP a posibilidade real de chegar a un escenario de peche de instalacións ou de importantes reducións que poñan en risco o oasis climático que supoñen en inverno estes centros deportivos. Actualmente, segundo datos do Ministerio de Sanidade, Galicia conta con máis de 600 piscinas (1074 vasos de piscina), que dan servizo a meirande maioría da veciñanza da nosa comunidade.
O sector trasladou que os gastos estimados para este 2022 en consumo eléctrico e gas pode chegar a triplicar os gastos do ano 2019. En concreto, unha instalación tipo con 1.000 accesos diarios e 25 traballadores puido ver como os seus gastos enerxéticos pasaron de estar arredor dos 175.000 euros e supoñer menos do 9% da facturación da instalación a situarse preto dos 400.000, supoñendo xa o 22% da facturación do centro.