José Amado, presidente do Clúster salientou que “o plan co que estamos traballando terá unha transcendencia relevante na sociedade. En poucos anos lograremos situar a Galicia entre os líderes de sociedade saudable
O secretario Xeral para o Deporte, Jose Ramón Lete Lasa, compartiu co Clúster a necesidade traballar conxuntamente para que o deporte adquira a relevancia que merece
O presidente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, José Amado, e Sofía Toro, xerente da entidade, visitaron este martes 24 de xaneiro a José Ramón Lete Lasa, secretario xeral para o Deporte, nun encontro no que tamén estivo presente Iván Clavel, da Fundación Deporte Galego. Na xuntanza, José Amado puxo de manifesto que «o conxunto do sector estamos a traballar nun ambicioso proxecto que creemos que terá un forte impacto a nivel social e económico«, apuntando tamén que «é necesario traballar na mellora do modelo deportivo de Galicia para aumentar a taxa de poboación activa, temos recursos para ser unha sociedade exemplar en canto a hábitos saudables, pero para conseguilo temos moito traballo por diante».
Como un dos eixos do proxecto sectorial, na reunión puxéronse en común as medidas necesarias para acadar plena reactivación do deporte galego. Neste sentido, administración e Clúster xa traballan nun plan de gran relevancia social que terá como claves unha forte campaña de comunicación sobre a importancia da actividade física e a dixitalización do sector, con especial énfase en acceder a ferramentas que permitan achegar o deporte aos segmentos da sociedade nos que a práctica deportiva non é maioritaria.
Sofía Toro lembrou que «somos unha entidade que ten como razón de ser traballar a prol da industria galega do deporte, por iso sempre estaremos dispostos a participar en proxectos que sexan positivos para o sector. Este plan co que estamos a traballar é unha gran oportunidade para que Galicia sexa un exemplo en canto a colaboración entre institucións para beneficiar ao conxunto da sociedade».
Ambas entidades acordaron traballar en campañas de concienciación e sensibilización dirixidas a toda a sociedade que botarán a andar nas vindeiras datas. Estas terán como obxectivo aumentar de xeito sensible o número de practicantes habituais de actividade física en Galicia. Estas actuacións poderán ser financiadas cos Fondos europeos Next Generation, orientados a reparar os danos económicos e sociais causados pola pandemia.
Tanto José Amado e Sofía Toro insistiron na importancia social e económica de aumentar a poboación activa, incidindo no aforro dos custes sanitarios, o aumento da produtividade e a reactivación da industria do deporte, con potencial para converterse nun motor da economía galega. «Trasladar a unha soa persoa do sedentarismo á actividade física ten un impacto directo na saúde física e mental desa persoa pero ademais ten un impacto económico, xerando riqueza e potenciando á industria do deporte», subliñou José Amado.
Esta reunión supón un paso máis na labor que está a desempeñar o Clúster, que está a tratar de impulsar a posta en marcha de servizos innovadores, de calidade e sostibles; deseñar grandes proxectos sectoriais; fomentar a transferencia de coñecemento; propiciar a colaboración público-privada e a posta en marcha de instrumentos de financiamento; crear postos de traballo; fomentar a captación de investimentos; favorecer a internacionalización; proporcionar recursos, formación e asesoramento: así como fomentar hábitos saudables.