Skip to main content

O pasado venres celebrouse, no Pazo da Cultura do Concello de Carballo, o II Encontro da Xestión deportiva de Galicia. O evento, organizado polo Clúster galego da Industria do deporte e o benestar e AGAXEDE, reuniu a un centenar de profesionais do sector.

Ao inicio do Encontro, as entidades organizadoras realizaron o acto de sinatura da renovación do convenio de colaboración, e posteriormente o Clúster fixo unha breve presentación dos datos do Anuario de Estadísticas Deportivas 2024 sobre motivacións e barreiras para a práctica deportiva, co que deu paso á estrea do seu novo vídeo sobre o Plan 2M.

Precisamente esta temática foi o eixo da mesa de debate que tivo lugar a continuación, formada por Fran Cortegoso (dirextor xeral Máis que auga/MeuFit), Manuel Bardanca (técnico de deportes do Concello de Carballo), Elena Roca (vicepresidenta do CRAT A Coruña) e Vicente Javaloyes (CEO Deporte y Ocio, Inversión y Evaluación SL).

Como peche da xornada, o Clúster fixo entrega do Premio Attilio Pontanari a Rafael Martín Acero, decano da Facultade do Deporte e da Educación Física da Universidade da Coruña, pola súa gran traxectoria académica e profesional. E, por último, tivo lugar a Gala de entrega dos XV Premios Galicia á Xestión deportiva de AGAXEDE, na que se recoñeceu o traballo de diferentes personalidades e entidades en prol dunha xestión deportiva de calidade.