Estimad@s colegas,
O ano 2020 foi un ano extraordinariamente negativo para o noso sector e para os profesionais que nel estamos. A COVID19 provocou consecuencias especialmente negativas nun sector no que o contacto, o grupo e o movemento son algunhas das súas características esenciais. Este foi a orixe deste proxecto que hoxe xa é unha realidade, amosando desde os primeiros anos que o Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar é unha ferramenta valiosa para representar o sector e para, unindo forzas, defender os nosos intereses.
Tal e como recolle o noso Plan Estratéxico, presentado en novembro de 2021, son varios os eixos que compoñen a folla de ruta do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar pero entendemos que o sentido e razón de ser desta entidade son as empresas do sector. Por iso queremos seguir traballando a reo para ampliar o conglomerado de empresas unidas a este proxecto, pois somos conscientes de que canto maior sexa a representación que teñamos máis forza imos ter na defensa das nosas posturas.
Cando alá por 2021 tomouse a decisión de crear este organismo fíxose cunha total convicción da súa necesidade e seguimos tendo a certeza de que a decisión foi a correcto e que temos ante nós unha gran oportunidade para o sector, contando cunha ferramenta que de verdade pode beneficiar a todas e cada unha das empresas que pertencen á industria do deporte galego.
Desde o punto de vista de actual Xunta Directiva consideramos que para unha empresa, a importancia de asociarse ao Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar reside nos seguintes puntos:
- INFLUENCIA. Estar presentes nos lugares onde se toman as decisións relacionados coa nosa industria, onde se crean e modifican normas e leis, nas mesas onde se elaboran os plans estratéxicos que nos afectan. Especialmente nos últimos meses xa estamos gañado presenza e influencia e na nosa folla de ruta isto está marcado en vermello pois sabemos da importancia para todos vós.
- PROPOSTAS. É fundamental que sexamos unha entidade con capacidade para propoñer plans estratéxicos segmentados por subsectores, e tamén cambios normativos e legais. Somos unha entidade sempre aberta a escoitar as vosas propostas, co ánimo de trasladalas aos organismos competentes.
- VISIBILIDADE para o sector. Estamos aquí tamén para dar a coñecer a importancia do sector e transmitir unha imaxe que nos faga un sector recoñecido. Tamén, de xeito máis individual, prestixiar as nosas empresas, dando relevancia aos seus fitos.
- PRESTIXIO. Somos unha ferramenta que vai dar acceso a contactos de valor mediante a nosa intermediación.
- COÑECEMENTO. Os convenios asinados coas Universidades son unha das primeiras pedras neste camiño. O Clúster será unha fonte de acceso ao coñecemento e tamén unha figura dinamizadora que leve a cabo estudos de proveito para o sector.
- INFORMACIÓN. O noso traballo tamén é facer chegar ás empresas todo o que se fai no sector, en termos nacionais como internacionais. Dar a coñecer todas as normativas e leis que nos afectan, todas as axudas ás que podemos acceder e transmitir todo aquelo que poida ser valioso para as empresas.
Queremos rematar transmitindo, como o facemos de xeito reiterado, que desde o equipo profesional e directivo do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar estamos completamente abertos a escoitar propostas e suxestións que fagan medrar esta entidade, que vai defender e apoiar a unha industria que vén sendo unha referencia a nivel nacional e que ten que ser motivo de orgullo para a nosa comunidade.
Moitas grazas pola vosa atención e, coma sempre, polo voso compromiso co deporte galego.
Reciba un cordial saúdo,
Equipo Directivo do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar