A Xunta Directiva, coincidindo coa última xornada do Galicia Sportech Congress, levou a cabo unha nova reunión presencial na que se puxo sobre a mesa o traballo realizado durante os dous últimos meses e afundouse no proxectos que a entidade ten en marcha e cos que se espera que “o conxunto da industria poida comezar a recoller o seus froitos máis pronto que tarde”.
Na reunión, entre os varios puntos que se trataron, detallouse a subvención concedida ao abeiro do Plan Investigo para a contratación de novo persoal adscrito a dous proxectos de interese para o sector; informouse da presentación da solicitude do anticipo das axudas a Clústeres Emerxentes, e avanzouse no plan de promoción da actividade física, un proxecto que será transversal á actividade do Clúster. Amais, en paralelo a este prometedor proxecto, informouse da reunión mantida coa Fundación Deporte Joven como entidade que pode axudar a poñer en marcha o ambicioso plan de aumentar a poboación activa de Galicia ata situala en datos semellantes aos países do norte de Europa como Finlandia.
O equipo do Clúster, na reunión mantida en Pontevedra, fixou 4 grandes obxectivos para este segundo semestre do ano:
– Lanzar o Observatorio do Deporte Galego co fin de elaborar estudos de especial interese para o sector.
– Consolidar o equipo profesional do Clúster.
– Aumentar a masa de asociados coa intención de ser unha agrupación sectorial que represente a inmensa maioría das empresas e entidades do sector.
– Poñer en marcha o Plan de Promoción da Actividade Física, como un movemento que involucre ao conxunto da sociedade galega.