PREGUNTA Cómo xurdiu Motricidad Laboral? Contadenos un pouco a vosa xénese e o voso percorrido.
RESPOSTA. Pois a idea inicial xurdiu a partir dunha conversa cun amigo, responsable dunha empresa, que manifestaba a súa preocupación polos trastornos musculoesqueléticos no ámbito laboral. Expúñannos se dende o noso ámbito profesional: traballo de readaptación, prevención de lesións, preparación física… se podería intervir no ámbito laboral. A partir desta idea empezamos a revisar o que se estaba a facer dende a prevención, e descubrimos que podíamos aportar unha nova forma de abordar a análise da motricidade dos postos do traballo (perfil de competencia motriz) e das persoas traballadoras (competencia motriz laboral); e, partir desta análise, diseñar e implementar accións formativas e de acondicionamento.
Unha vez determinados os procedementos na súa orixe, levamos a cabo experiencias “piloto” e, ante un resultado positivo, demos o paso de constituírnos como empresa. As diferentes actuacións leváronnos a ir axustando a idea inicial á realidade na que estábamos a actuar, e a día de hoxe continuamos nun proceso de continuo axuste e creación de novos recursos cun alto compoñente de dixitalización.
Qué grao de importancia ten a saúde física nun traballador no seu rendemento?
Evidentemente é moi importante tanto para a empresa en termos de produtividade (absentismo e presentismo), como sobre todo para as persoas de cara a súa saúde e benestar. A saúde é un estado non divisible, polo que debemos velar pola saúde das persoas en tódolos ámbitos e contornas.
Nos últimos tempos aumentou a preocupación polo benestar dos traballadores?
Non cabe dúbida que nos últimos tempos isto é así, e todo parece apuntar a que esta preocupación estase a acelerar nos últimos anos. As persoas empezan a valorar cada vez máis, ademais das condicións de contratación, o que o seu traballo aporta a súa calidade de vida dende un punto de vista máis global. Por outra banda, as empresas teñen a necesidade de aportar ás persoas condicións nestes termos que faciliten a súa “retención”.
Imaxinamos que cada traballador será un mundo, sobre todo en función do seu traballo, pero a grandes rasgos, cales son os principais problemas cos que vos atopades hoxe en día?
A nosa experiencia nestes anos amosa que a presenza das doenzas musculoesqueléticas están presentes de maneira bastante xeneralizada. Estas doenzas teñen unha orixe multifactorial, podendo ser a actividade laboral unha das orixes principais ou simplemente acentualas. De feito, ás veces, a actividade laboral pode ser un factor desencadeante ou un factor sumatorio polos esforzos realizados, e outras veces o é a ausencia de actividade física. Se nos centramos nas zonas corporais máis afectadas existen certas diferenzas en función da actividade profesional pero polo xeral predominan as doenzas na columna vertebral (especialmente zona lumbar e cervical) seguida polos ombreiros e os pulsos. Independentemente de que poidan existir movementos repetitivos, certas posturas “forzadas” e/ou mantidas, e cargas relativamente elevadas, detectamos a falta dunha execución correcta dos movementos (patróns de movemento) e carencias de condición física.
Parece que a implementación dos descansos activos e mesmo das reunións camiñando chegaron para quedarse, son parte da solucións para asegurar un benestar físico das persoas traballadoras?
Estas trátanse de dúas accións ou medidas concretas recomendables. As identificamos xeralmente asociadas a romper coa actividade sedentaria, pero en traballos activos estas pausas deben converterse en pausas compensatorias dos esforzos. Posiblemente sexan accións habituais nos vindeiros anos.
No voso campo de actuación, como vos imaxinades o futuro a 15-20 anos vista?
Evidentemente os avances en canto os procesos de dixitalización e robotización terán como consecuencia que as actividades que requiren esforzos físicos vaian diminuíndo. Polo tanto irase incrementando as accións co obxectivo de incrementar e compensar a inactividade física. Dalgún xeito no ámbito laboral posiblemente estará cada vez máis presente una especie de Educación Física e promoción de hábitos saudables. As empresas polo tanto demandarán cada vez máis profesionais que poidan desenvolver este tipo de actuacións.
Por qué considerades que é importante a figura dun Clúster da industria do deporte?
Dende a nosa opinión un dos principais valores e aportacións desta entidade, ademais doutras funcións que está a desenvolver (labores de difusión, organización de eventos, relacións a nivel institucional…) é a aproximación ou punto de encontro dos diferentes sectores implicados na actividade física e deportiva favorecendo sinerxías na busca dun ben común: a mellora da saúde das persoas.