A Business Factory Sport, a aceleradora do deporte de Galicia, promovida pola Xunta de Galicia e o Clúster da Industria do Deporte e o Benestar de Galicia, realizou hoxe en Vigo o Startup Day de Innovación, unha presentación de proxectos innovadores para a industria galega do deporte.
Neste marco, 14 proxectos, de 22 que optaron a participar nesta convocatoria, chegaron a esta “gran final” na que expuxeron as súas ideas en fase de definición co obxectivo de entrar na aceleradora para conseguir un “impulso” para saír ao mercado: Wisify Tech Solutions, Proteckthor, Vizi, Academia Tecnifícat, Pulsar, tuFoot, iNNOHEROICA, RunRisk, Blink Light Saddles, Esportian Education, The Cubelo´s Academy, TotalThlon, Trim e Probillairbot. Dez deles son galegos e outros catro proveñen de Porto, Madrid, Barcelona e Álava.
O Comité Executivo, conformado polo IGAPE e o Clúster, decidirá nos vindeiros días que proxectos entran no programa de incubación. Este celebrarase dende o 26 de xaneiro ata o 20 de marzo, nun formato híbrido, para mentorizar un máximo de 12 ideas nun itinerario que ten como meta dar apoio a emprendedores nas primeiras etapas do desenvolvemento do seu proxecto coa definición do seu modelo de negocio e o desenvolvemento do seu produto mínimo viable.
Este é o segundo programa da aceleradora que se realiza trala posta en marcha da mesma o pasado verán. Ao acto asistiu a directora xeral do IGAPE, Covadonga Toca, quen incidiu en que “Galicia é unha comunidade que traballa de maneira decidida pola innovación en todo o que teña que ver coa tecnoloxía” cando ademais “temos un nivel cada vez máis elevado en innovación e internacionalización”. Neste sentido, subliñou que “a innovación ten que ter un carácter transversal” e, de feito, hoxe “non se concibe que ningunha empresa en Galicia non estea innovando”, polo que “é imprescindible industrializar a innovación”.
Trala exposición dos proxectos, o vicepresidente do Clúster, Fran Cortegoso, destacou “a grata sorpresa” que supuxeron algunhas intervencións. “Hai ideas que podemos apoiar para que se desenvolvan e sexan futuros negocios sostibles e acheguen valor á sociedade”.
Ao evento asistiron persoas, empresas e institucións vinculadas ao mundo da innovación e o deporte como Xisela Aranda, directora de Deportes da Deputación de Pontevedra; ou Carlos Cao, director de Infraestruturas e Relacións Institucionais do RC Celta.

