José Manuel Amado, presidente desde xuño de 2022, seguirá na Xunta Directiva do Clúster como vogal, mentres que Fran Cortegoso, director xeral de Máis Que Auga, ocupará a vicepresidencia
O Clúster seguirá traballado ao redor de tres liñas de actuación: recoñecemento, influencia e accións de alto impacto
Pedro Iglesias, socio fundador e xerente de Transgalaica, é desde esta mesma semana o novo presidente do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, debido á decisión persoal de José Manuel Amado (Motivos Singulares) de dar un paso ao lado para ocupar o cargo de vogal ata as próximas eleccións, de acordo co disposto nos estatutos do Clúster.
Deste xeito, quen foi presidente da entidade desde xuño de 2022 dá o relevo ao que ata agora era vicepresidente, Pedro Iglesias, mentres que o cargo deste será ocupado por Fran Cortegoso (Máis Que Auga). Tanto José Manuel Amado como Pedro Iglesias son dous dos catro fundadores da entidade, xunto a Jim Graña (Jim Sports) e Miguel Valín (Dos Deporte), quen fora o primeiro presidente do Clúster.
Sobre este cambio, José Manuel Amado sinalou que «cando creamos o Clúster apostamos por configurar unha directiva ampla e complementaria, reforzada por un equipo profesional de alto nivel, porque sabemos que ninguén de nós é imprescindible, deseñamos un modelo baseado no traballo en equipo e na alternancia na asunción de responsabilidades como a representatividade que supón a presidencia».
O novo presidente da entidade, Pedro Iglesias, ten claro que “os retos seguen sendo os mesmos, imos darlle continuidade ao traballo realizado nos últimos tempos, co foco posto nos obxectivos fixados no noso Plan Estratéxico 24-28 e co ánimo de seguir progresando e aportando beneficios ao conxunto da industria galega do deporte”.
OS RETOS DO CLÚSTER GALEGO DO DEPORTE
Na reunión da Xunta Directiva na que se ratificou o cambio sinaláronse as accións máis importantes que debe afrontar o Clúster nos próximos meses, mantendo unha liña continuísta respecto á anterior etapa.
Así a entidade seguirá unindo esforzos arredor de temas centrais como son o aumento da masa social e da representatividade do Clúster, a consolidación do Observatorio Galego do Deporte, a mellora do parque de infraestrturas deportivas de Galicia, o apoio a iniciativas encamiñadas ao aumento das horas de educación física no ámbito educativo, a posta en funcionamento dunha Receita Deportiva práctica e funcional, a creación dunha aceleradora do deporte en colaboración co Igape e a difusión e adhesión de apoios ao Plan 2 Millóns.
NOVA DIRECTIVA
Con estes cambios na presidencia, a Xunta Directiva, de acordo co artigo 17 dos Estatutos do Clúster, queda polo tanto composta formada por:
• Presidente: Pedro Iglesias, en representación de Transgalaica.
• Vicepresidente: Francisco Cortegoso, en representación de Máis que auga/MEUFIT.
• Secretario e Tesoureiro: Pablo Tenreiro, en representación de FCC Aqualia.
• Vogais: José Manuel Amado (Motivos Singulares), Claudio Orjales (Termaria Casa del Auga), Jesús Manuel Graña (Jim Sports), Antonio Rodríguez del Corral (CINFO), Marcos Fernández (AQA), Roberto Ramos (Grupo ServiOcio/BeOne) e José Manuel Regueiro (RunManiak).