O Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar clausurou o pasado xoves o obradoiro 2M, un programa composto por catro sesións especializadas que abordaron a promoción da actividade física en colectivos especialmente vulnerables: persoas maiores, migrantes, persoas con discapacidade e persoas en risco de exclusión social.
Esta actividade estivo subvencionada pola Deputación da Coruña e estivo orientada a persoal técnico dos concellos da provincia. Un formato práctico e orientado á acción.
Cada bloque centrouse nun colectivo diferente, combinando contido teórico, exemplos prácticos e experiencias reais que permiten deseñar programas accesibles e eficaces. As sesións ofreceron ferramentas concretas para a captación, inclusión e fidelización de participantes, así como criterios para adaptar actividades ás necesidades específicas de cada grupo.
Aprendizaxe e intercambio de experiencias
As catro sesións destacaron pola calidade das intervencións: profesionais expertos compartiron metodoloxías, estudos de caso e propostas concretas que poden aplicarse desde os concellos, as entidades deportivas e as organizacións sociais. A participación activa dos asistentes xerou debates enriquecedores e numerosas ideas replicables.
Dende o Clúster queremos agradecer ás persoas expertas pola súa implicación e contidos de alto valor, así como ás administracións locais, concellos e entidades que participaron activamente no obradoiro. A súa colaboración e experiencia foron fundamentais para que este ciclo fose un éxito.
Moitísimas grazas The Well-Being Lab, Salud y Movimiento Gym Boutique, ENKI Fundación Abrente, Somos, Fundación Eduativa e Social Dignidade, Fundación Breogán, Asociación Española Contra el Cáncer, Centros .activ.
Compromiso de futuro
Este obradoiro confirma que a promoción da actividade física require enfoques coordinados e adaptados á diversidade social. No Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar continuaremos impulsando iniciativas formativas e proxectos que conecten deporte, saúde e inclusión, coa mirada posta en sumar aliados e en trasladar as aprendizaxes á práctica diaria.
Conxuntamente, podemos avanzar cara a unha Galicia máis activa, saudable e inclusiva

