Skip to main content

A alcaldesa, Sandra González, asinou un convenio de adhesión ao proxecto impulsado polo Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar comprometéndose a promocionar a actividade física

O Concello de Tomiño vén de asinar a súa adhesión ao Plan 2 Millóns, a iniciativa impulsada polo Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar que busca acadar os dous millóns de galegos e galegas activos antes do 2030. Con esta sinatura, Tomiño reafirma o seu compromiso coa promoción da actividade física como ferramenta clave para a saúde e o benestar da súa cidadanía. O concello de Tomiño aprobou a adhesión ao proxecto na Mesa Intersectorial de Saúde.

O acto de sinatura contou coa presenza da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e do concelleiro de Deportes, Rubén García, en representación do Concello. Por parte do Clúster, asistiron Sofía Toro, xerente da entidade, e Fran Cortegoso, vicepresidente.

«Desde o Concello de Tomiño temos claro que a actividade física é esencial para a calidade de vida da nosa veciñanza. Formar parte do Plan 2 Millóns permítenos sumar esforzos e fomentar hábitos saudables en toda a poboación», destacou a alcaldesa, Sandra González.

Pola súa banda, Sofía Toro subliñou a importancia de que cada vez máis concellos se sumen a esta iniciativa: «O Plan 2 Millóns xa conta co apoio das sete principais cidades galegas, e a incorporación de Tomiño é un paso clave para levar esta mensaxe a todos os recunchos de Galicia. A actividade física é unha aposta de futuro en termos de saúde e desenvolvemento e queremos que todas as administracións galegas asuman como propio este reto, pois é un proxecto que nos involucra a todos e todas».

O Plan 2 Millóns busca mobilizar a toda a sociedade galega cara a un modelo de vida máis activo, tomando como referencia os países do norte de Europa. Ademais da adhesión de concellos, a iniciativa está aberta a empresas, entidades deportivas e colectivos sociais que queiran contribuír a este obxectivo.

Con esta nova adhesión, o Plan 2 Millóns segue medrando e avanzando cara ao seu gran reto: conseguir que Galicia pase de ser unha das comunidades con menor taxa de práctica deportiva a situarse entre as máis activas de Europa. Actualmente na nosa comunidade practica actividade física con regularidade 1.300.000 persoas e o proxecto iniciado polo Clúster ten por obxectivo sacar a 700.000 persoas da inactividade.

Coa consecución deste obxectivo Galicia experimentará beneficios directos en saúde, con menor incidencia de enfermidades crónicas, e cunha poboación máis saudable que aforraría uns 700 millóns de euros en gastos sanitarios. Amais, a chegada de novas persoas á industria do deporte xeraría riqueza para Galicia cunha creación de emprego estimado en 2.000 postos de traballo e un aumento do volume de negocio de 140 millóns de euros anuais.