Un grupo de traballo conformado por 17 entidades galegas traballa na posta en marcha dunha “ponte real” entre sanidade e deporte
O Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar vén de organizar na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, unha reunión presencial do obradoiro “Deseño dunha Proba piloto da Receita Deportiva”, unha iniciativa que conta co financiamento do IGAPE e permitirá deseñar unha proba piloto para poñer en marcha o proxecto que estableza unha canle directa entre sanidade e deporte.
Esta acción busca establecer un fluxo “claro” de entrada, derivación, acceso a recursos, acompañamento e seguimento dos e das pacientes aos que se lle receite actividade deportiva para mellorar a súa condición física dentro das pautas de prevención e/ou seguimento dunha patoloxía. En palabras da xerente do Clúster e recollendo as impresións das persoas participantes nesta reunión, “agora mesmo unha das principais barreiras para a prescrición de exercicio físico para a saúde é a ausencia real dunha ponte clara e efectiva entre a recomendación sanitaria e activación física dos e das pacientes, ao non saber onde ou con quen poden realizar actividade física segura e de calidade segundo as súas características”.
A proposta do grupo de traballo é definir unha rede de recursos deportivos validados con criterios mínimos comúns, á que se acceda coa derivación de persoal sanitario, e onde as e os pacientes serán recibidas por educadores/as físico-deportivos que garantirán unha planificación individualizada do exercicio físico en base ás necesidades de cada persoa usuaria.
O grupo de traballo deste obradoiro está formado por 17 entidades galegas: IMPAC Fitness, BeOne, Instituto Médico Arriaza, The Well-Being Lab, Motivos Singulares, Centros Equilibrium, 10Mets, Secretaría Xeral para o Deporte, Cátedra SXD Galicia Activa da Universidade da Coruña, Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, Facultade de Enfermería da Universidade de Santiago, COLEF Galicia, Clúster TIC Galicia, Asociación Española contra o Cancro, Asociación Bolboretas, ASARGA, e Clúster Saúde Galicia.

