A iniciativa, que conta co financiamiento do IGAPE, permitirá establecer unha folla de ruta para cuantificar o impacto deste proxecto na sociedade galega
O Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar vén de organizar na sede de Jim Sports, en Palas de Rei, un obradoiro presencial do Plan 2 Millóns, unha iniciativa que conta co financiamento do IGAPE e permitirá deseñar unha proba piloto para cuantificar o impacto deste proxecto que busca converter a Galicia nun referente na práctica de actividade física.
“O obxectivo desta acción é conseguir unha folla de ruta clara que identifique os axentes clave que participarían nunha proba piloto, a contorna real máis axeitada para levala a cabo, así como as técnicas dixitais necesarias para poder implementala”, destaca Sofia Toro, xerente do Clúster, tras participar activamente na xornada.
O grupo de traballo desta acción conformárono 11 entidades galegas que ocupan diferentes posicións na cadea de valor do deporte e o benestar en Galicia e, polo tanto, representan a diversidade de públicos aos que queremos chegar co Plan 2 Millóns, un movemento que persegue incorporar a 700.000 personas á actividade física ata chegar aos 2 millóns de persoas activas.
As entidades participantes foron Máis Que Auga, IMPAC Fitness, Jim Sport Technology, La Fuga Cycling, Concello de Palas de Rei, Asociación Deportiva Cerne, Fundación ENKI, Clúster TIC Galicia, Fundación Dignidade, COLEF Galicia e Atendo.

