Skip to main content

A presentación oficial, que tivo lugar este mércores na Cidade da Cultura, contou coa presenza do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e reuniu a preto de 200 representantes institucionais, empresariais e sociais.

O proxecto busca sacar do sedentarismo a 700.000 persoas para acadar a cifra histórica de dous millóns de galegos activos.

O Clúster da Industria do Deporte e o Benestar de Galicia e a Xunta de Galicia presentaron o mércores 7 de outubro na Cidade da Cultura o Plan 2 Millóns, a estratexia máis ambiciosa deseñada ata a data para combater o sedentarismo e fomentar o exercicio físico na comunidade.

No acto de presentación, que reuniu a representantes de deputacións, concellos, universidades, empresas, entidades do terceiro sector, federacións deportivas e colexios profesionais, debulláronse as claves dun plan que aspira a activar a 700.000 persoas actualmente sedentarias. O obxectivo final é claro: acadar a cifra histórica de dous millóns de galegos e galegas en movemento.

Durante o seu discurso de apertura, o presidente do Clúster, Pedro Iglesias, alertou de que o sedentarismo está detrás de gran parte das enfermidades crónicas que saturan o sistema sanitario, e destacou o gran potencial da comunidade: «O noso punto débil é a práctica de actividade física de xeito regular, fóra do espazo competitivo e vinculada ao benestar. Reverter esta situación converterá a Galicia nunha referencia a nivel estatal».

Iglesias subliñou o impacto histórico que tería o éxito deste plan: «Non só estaremos regalando anos de calidade de vida á nosa cidadanía, senón que lograremos un aforro potencial estimado duns setecentos millóns de euros para o noso sistema sanitario público e crearemos máis de dous mil postos de traballo».

O reto, articulado ao redor de cinco eixes estratéxicos, precisa dunha implicación transversal de toda a sociedade. A folla de ruta inclúe o fomento da «Receita Deportiva Galega» no eido sanitario, a ampliación da carga horaria de Educación Física nos centros escolares, a transformación dos concellos en contornas que conviden ao movemento, e a integración estrutural do deporte nos plans de benestar corporativo das empresas.

Un compromiso colectivo

A xornada, conducida pola presentadora Mónica Martínez, incluíu unha mesa redonda titulada «Como conseguimos unha Galicia en movemento?». Neste espazo de debate analizáronse as barreiras e as solucións reais para aumentar a práctica deportiva dende diferentes ámbitos. Participaron representantes da Asociación Española Contra o Cancro, ENKI, Grupo LENCE e o secretario xeral para o Deporte, Roberto García.

Como mostra práctica dos beneficios da actividade, as preto de duascentas persoas asistentes participaron nunha «pausa activa» dirixida pola educadora físico-deportiva Irene Mera (The Well-Being Lab), previa á proxección dun vídeo onde deportistas de alto nivel e referentes da sociedade galega amosaron o seu apoio á iniciativa.

Neste vídeo, figuras destacadas como Sofía Toro, González Juanatey, Javier Gómez Noya, Carlos Arévalo, Susana Rodríguez, Borja Iglesias, Teresa Portela, Xosé A. Touriñán, Carmen Lence, Esther Estévez, Xosé Ramón Gayoso, Diego González e o Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda explican por que a actividade física é o mellor medicamento para vivir máis e mellor.

O momento central da presentación chegou coa escenificación desta alianza público-privada: o presidente do Clúster e o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes asinaron publicamente o «Protocolo para a promoción da actividade física en Galicia», un documento que senta as bases de traballo para os vindeiros anos.

No seu discurso institucional de clausura, o conselleiro Diego Calvo resaltou que o obxectivo de chegar aos dous millóns de persoas facendo exercicio en Galicia require a colaboración dos diferentes ámbitos relacionados coa actividade física, desde o deporte e a saúde até a educación, as administracións, as empresas e as entidades sociais, para facilitar que a cidadanía teña máis oportunidades de practicar exercicio con regularidade.

Ao finalizar o acto, Mónica Martínez invitou a todos os asistentes e á cidadanía en xeral a sumarse ao movemento asinando o Manifesto 2M, lembrando, en palabras de Pedro Iglesias, que o motor deste cambio empeza pola responsabilidade individual: «O sedentarismo é un adversario silencioso, pero xuntos podemos vencelo. Porque Galicia móvese cando nos movemos. Fagamos que Galicia se mova!».