Skip to main content

A aceleradora galega do deporte impulsará 56 iniciativas emprendedoras no próximos tres anos, a través de programas verticais de incubación, aceleración e consolidación para transformar a industria do deporte na nosa comunidade

A BF Sport, impulsada polo Clúster Galego da Industria do Deporte e ou Benestar xunto ao IGAPE, conta co apoio de máis dunha vintena de entidades tractoras, entre as que destacan Máis Que Auga, Jim Sports, The Well Being Lab, AQA ou La Fuga Cycling

O Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, co impulso da Xunta de Galicia, a través do IGAPE, vén de poñer en marcha oficialmente a Business Factory Sport (BF Sport), a aceleradora galega da industria do deporte.

O propósito da BF Sport é axudar a emprendedores, startups e á industria do deporte en xeral a transformarse, a través da innovación aberta. A iniciativa, que ofrecerá programas verticais de incubación, aceleración e consolidación, abriu o prazo de inscrición na primeira edición do programa de aceleración. A convocatoria estará aberta ata o 29 de agosto, a mediados de setembro celebrarase o Startup Day e, tras el, comezará o programa de aceleración que se estenderá durante 12 semanas no último trimestre deste ano.

O itinerario de aceleración está deseñado para startups que xa teñen un produto mínimo viable (MVP) e necesitan validalo no mercado. Se é posible, desenvolverán unha proba de concepto (POC) nun contexto real de mercado cunha das entidades tractoras dando resposta a un dos retos definidos polo programa. Tan só seis startups serán seleccionadas para participar nesta primeira edición que terá un formato híbrido e permitirá a estas empresas de recente creación obter ata 25.000€ a fondo perdido por parte do IGAPE, así como a posibilidade de investimento directo en capital de ata 50.000€ por parte de Xesgalicia.

Os retos, definidos polo Consello de Entidades da BF Sport, expresan os principais desafíos de innovación e emprendemento da industria do deporte e do benestar en Galicia. Ademais, as entidades tractoras, que son máis dunha vintena e entre as que destacan Máis Que Auga, Jim Sports, The Well Being Lab, AQA ou La Fuga Cycling, propuxeron desafíos particulares para solventar as principais necesidades de innovación nas súas compañías.

Consulta máis información e as bases da primeira convocatoria de aceleración en: www.bfsport.gal.