As startups do mundo do deporte interesadas en participar na segunda edición deste programa poderán presentar os seus proxectos ata o 27 de marzo
Un máximo de 6 empresas serán seleccionadas para participar no programa de aceleración e recibirán unha subvención a fondo perdido por parte do IGAPE de ata 25.000 €
A aceleradora do deporte de Galicia, impulsada pola Xunta e o Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar, abriu unha nova convocatoria de aceleración. As startups do mundo do deporte interesadas en participar nesta segunda edición do programa poderán presentar os seus proxectos ata o 27 de marzo.
Ata 6 proxectos serán seleccionados para participar no programa de aceleración, que comezará en formato híbrido o 20 de abril e rematará o 20 de agosto. Recibirán unha subvención, a fondo perdido, por parte do IGAPE de ata 25.000 €, e terán posibilidade de investimento directo en capital de ata 50.000 € por parte de Xesgalicia.
Esta convocatoria está deseñada para proxectos que xa contan cun produto mínimo viable e precisan validalo no mercado e desenvolver unha estratexia de captación de clientes. As participantes tamén desenvolverán, se é posible, unha proba de concepto nunha contorna real cunha das entidades tractoras participantes, dando resposta a un dos retos definidos.
Estes retos, definidos polo Consello de Entidades da BF Sport, expresan os principais desafíos de innovación e emprendemento da industria do deporte e do benestar en Galicia. Ademais, as entidades tractoras, que son máis dunha vintena e entre as que destacan o RC Celta, Deportivo da Coruña, Obradoiro, Abanca ou a corporación Hijos de Rivera, propuxeron desafíos particulares para solventar as principais necesidades de innovación nas súas compañías.

