Desde o pasado mércores 26 de novembro ata o martes 30 de decembro, a Business Factory Sport, promovida pola Xunta de Galicia e o Clúster Galego da Industria do Deporte, busca proxectos en fases iniciais vinculados á industria do deporte e o benestar.
A aceleradora do deporte de Galicia vén de abrir a primeira convocatoria de incubación. Ata o martes 30 de decembro, todos aqueles proxectos da industria do deporte de Galicia que estean en fase de definición da idea de produto ou servizo e queran transformalo nun produto mínimo viable, poden inscribirse a través da web: www.bfsport.com.
De entre todas as empresas que se inscriban, seleccionaranse 12 para realizar o programa de incubación que terá unha duración de dous meses nun formato híbrido, comenzando ao 26 de xaneiro e rematando o 20 de marzo. O programa é totalmente gratuíto nun itinerario que ten como obxectivo dar apoio a emprendedores nas primeiras etapas de desenvolvemento do seu proxecto coa definición da idea de produto ou servizo, así como a construción do seu MVP.
Entre as diferentes actividades que desenvolverán, os participantes disporán de sesións individuais estratéxicas semanais nas que se avanzará a definición da idea e a súa transformación nun concepto empresarial viable; sesións de mentorías con expertos da industria do deporte; sesións de ecosistema para coñecer experiencias doutros emprendedores; talleres formativos en formato bootcamp intensivo con tres días presenciais; así como un demo day para presentar os proxectos, realizar networking e clausurar o programa.
A Business Factory Sport é unha inicitiva da Xunta de Galicia, a través do IGAPE, e do Clúster Galego da Industria do Deporte e do Benestar co propósito de axudar a emprendedores, startups e á industria do deporte en xeral a transformarse, a través da innovación aberta. A iniciativa, que comezou a mediados deste 2025, ofrece programas verticais de incubación, aceleración e consolidación.

