O 30 de setembro celebrarase a presentación oficial da entidade, acto no que se realizará tamén o Startup Day de Aceleración coas empresas que están a aplicar á primeira convocatoria do programa que comezará en outubro
O 30 de setembro será a presentación oficial da Business Factory Sport, a aceleradora galega do deporte, que impulsará proxectos tecnolóxicos para potenciar e modernizar a industria do deporte, unha iniciativa do Clúster Galego da Industria do Deporte e o Benestar e o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).
O acto, que se celebrará en Santiago, contará cunha mesa redonda onde estará presente o ecosistema do deporte de toda Galicia e, entre os asistentes, haberá presencia das federacións galegas, empresas consolidadas da industria e startups. Trala parte institucional, celebrarase o Startup Day de Aceleración que permitirá ás empresas que están a aplicar no programa amosar o seu potencial ante o xurado que decidirá que 6 proxectos entran no programa.
“A acollida nesta primeira edición está sendo espectacular”, destaca Sofía Toro, xerente do Clúster, quen convida ás startups da industria a inscribirse nesta primeira convocatoria de aceleración que está aberta ata o 19 de setembro.
Este primeiro programa comezará o 6 de outubro e estenderase durante todo o trimestre. O itinerario de aceleración está deseñado para startups que xa teñen un produto mínimo viable e precisan validalo no mercado. De ser posible, desenvolverán unha proba de concepto nunha contorna real cunha das entidades tractoras dando resposta a un dos retos definidos no programa. Entre as entidades tractoras están compañías como Abanca, Hijos de Rivera, Beone, Jim Sports, RC Celta ou Deportivo de La Coruña.
As startups participantes contarán con sesións de ecosistema que se distribuirán entre masterclass con expertos; casos de éxito e estudio con entrevistas a emprendedores cos que poidan compartir experiencias; así como sesións con inversores que lles permitirán coñecer de preto que buscan os fondos de inversión. Ademais, as 6 startups participantes realizarán un bootcamp intensivo a metade do programa no que se incluirán obradoiros formativos sobre os módulos do programa, así como visitas de interese a empresas do sector.
Como gran aliciente, estas empresas participantes poderán obter ata 25.000€ a fondo perdido por parte do IGAPE e tamén terán a posibilidade de investimento directo en capital de ata 50.000€ por parte de Xesgalicia.
BF SPORT
O propósito da BF Sport é axudar a emprendedores, startups e á industria do deporte en xeral a transformarse, a través da innovación aberta. A iniciativa ofrecerá programas verticales de incubación, aceleración e consolidación durante os vindeiros tres anos, o que permitirá impulsar a máis de 50 startups do sector. A mediados do mes de outubro abrirase o prazo de inscrición na primeira convocatoria de consolidación.

